Friday 10 de May de 2024

Os Reis Magos percorrerán mañá a cidade desde Os Mallos ata María Pita


Inés Rey recibirá aos Reis ás 17.30 na Sardiñeira

A cabalgata sairá desde a explanada da Sardiñeira ás 18.00 horas e pasará pola avenida de Oza, Catro Camiños, os Cantóns e a Mariña ata María Pita

A Cabalgata de Reis terá mañá como punto de saída a explanada da Sardiñeira, ás 18.00 horas. Será a alcaldesa, Inés Rey, quen reciba aos Reis media hora antes da partida da comitiva, ás 17.30 horas, nese mesmo punto. Desde alí, nas carrozas, partirán ata a rolda de Outeiro seguindo o percorrido por Alcalde Pérez Ardá e Ramón y Cajal ata a avenida de Oza. Continuará ata Catro Camiños, A Palloza e Primo de Rivera chegando á praza de Ourense por Linares Rivas.

Este será o primeiro tramo do percorrido, que ten unha duración prevista de hora e media, chegando á praza de Ourense arredor das 19.30 horas. Despois continuará polos Cantóns e a avenida da Mariña ata Porta Real, rematando a cabeza da cabalgata aproximadamente ás 20.30 horas na praza de María Pita. A continuación, aproximadamente ás 21.15 horas, os Reis Magos saudarán desde o Palacio Municipal a todos os nenos e nenas presentes na praza.

Ademais, con motivo do ano Picasso (que inspira tamén o deseño das carrozas), na comitiva participarán varias compañías francesas así como outras locais e nacionais. Un total de 16 compañías artísticas e de animación que se situarán entre as carrozas para animar ao público durante o paso dos Reis Magos. En total, a comitiva real está formada por preto de 1.000 persoas.

Puntos accesibles e sen ruído

O percorrido contará ademais con catro puntos accesibles e dous puntos sen ruído. Os puntos accesibles estarán localizados na rúa Alcalde Pérez Ardá, fronte á estación de autobuses; na praza de Ourense, na zona do Quiosco; fronte á parada do autobús no número 21 da Mariña, diante da subdelegación do Goberno; e, finalmente, na praza de María Pita, na zona lateral próxima á rúa Troncoso. Nestes catro puntos estarán ademais situados catro puntos de atención sanitaria e Primeiros Auxilios atendidos pola Cruz Vermella. O situado en Pérez Ardá trasladarase a María Pita unha vez pase a cola do desfile co obxectivo de garantir a seguridade na praza.

Os dous puntos sen ruído estarán instalados no viaduto da rolda de Outeiro, na zona da parada de autobús situada na rúa Cabaleiros; e no Teatro Colón, no interior do equipamento. Todos eles estarán atendidos por persoal de organización da Cabalgata, garantindo o seu correcto uso así como a seguridade das persoas que a utilicen.